Arousa Norte edita a guía turística máis completa do Barbanza

    presentacinguia_100_280706.jpgBARBANZA > O presidente da Mancomunidade Arousa Norte, Isaac Maceiras, vén de presentar a que ata agora se considera a guía turística máis completa sobre os concellos de Boiro, Rianxo, Ribeira e Pobra. Preto de 160 mil exemplares serán distribuidos por toda España a partir de mañá, e poderán conseguirse co xornal La Voz de Galicia así coma nas oficinas de turismo ou establecementos hostaleiros.

    A Mancomunidade Arousa Norte continúa promovendo iniciativas que atraian cada ano máis turistas a esta zona das Rías Baixas. É por isto que se presenta agora unha guía turística actualizada  na que se compilan datos relativos ós concellos mancomunados. Polo momento hai editados 160 mil exemplares dos cales 150 mil se distribuirán co xornal La Voz de Galicia a nivel nacional, e os 10 mil restantes estarán a disposición do público nas oficinas de turismo e locais de hostalería. O obxectivo é dar a coñecerse a nivel galego, pero tamén nacional e incluso internacional.guiasarousanorte_200_280706.jpg

    Na guía están recollidas tódalas praias dos catro concellos, os xacementos arqueolóxicos, a arquitectura relixiosa, civil e popular, así coma un listado dos museos, festas e tradicións. Entre as páxinas deste documento tamén se poden atopar espacios reservados á gastronomía típica da zona, unha ampla oferta de actividades de ocio activo, rotas de sendeirismo e outros datos útiles para os visitantes que se acheguen ata os concellos da Mancomunidade. Unha guía do máis completo, con datos actualizados polas empresas turísticas e cuxa elaboración requeriu un intenso traballo de documentación.

    Un dos aspectos máis destacados desta guía é que tódalas rotas incluídas están homologadas pola Federación Galega de Montañismo, e inclúe a maiores algúns requisitos de seguridade. Polo momento a guía sairá ó público só en galego, xa que, segundo os seus deseñadores, a lingua actúa como un recurso turístico máis.

    Aínda así, xa existe a versión en castelán, que sairá próximamente.

    Redacción Barbanza