A praza Victoriano García Martí presenta nova cara trala súa peonalización

    prazavictorianogarciamarti_100_040407.jpgPOBRA > Os veciños da Pobra poderán desfrutar dun novo espazo de ocio totalmente remodelado. Trátase da praza Victoriano García Martí.

    O obxectivo do executivo local era ter rematadas as obras para a Semana Santa, dado que por este espazo discorren moitas das procesións que se celebran nestas datas na localidade. Finalmente, os prazos establecidos cumpríronse e o alcalde, Isaac Maceiras, inaugurou a praza de Victoriano García Martí totalmente reformada.

    Durante as obras procedeuse á eliminación das prazas de aparcamento, coa reposición de novo pavimento, quedando un espazo para desfrute único dos peóns. Así mesmo, procedeuse á instalación de xardineiras e demais mobiliario urbano.

    O proxecto contou cun orzamento total de 196 mil euros, dos cales a Xunta de Galicia aportou unha partida de 137 mil euros e o resto realizouse con cargo ás arcas municipais. A empresa OYS foi a encargada de realiza-los traballos cun resultado moi satisfactorio para o executivo municipal que agradeceu ós traballadores o cumprimento dos prazos estabñecidos.

    Esta actuación enmárcase nun proxecto máis amplo encamiñado á humanización do casco urbano co obxectivo de revitaliza-lo pequeno comercio da localidade. A pesar de que a praza xa está en servizo, o vindeiro día 19 terá lugar o acto oficial de inauguración, coa presenza do Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco.

    Redacción Barbanza