Alfaia anima ós condutores a participar na procesión de San Cristóbal

    RIBEIRA> Ribeira volverá acoller este domingo a procesión de San Cristóbal. Esta tradición, recuperada pola asociación Alfaia hai tres anos, reunirá a ducias de vehículos que participarán na bendición do patrón dos conductores. Ás dez da mañá do domingo, as bombas de palenque darán o pistoletazo de saída á celebración dos actos de San Cristóbal cuxa festividade é hoxe dez de xullo. A nota musical correrá a cargo da banda de gaitas A Gandaina cun pasarrúas previo ós actos relixiosos consistentes na misa cantada, procesión e bendición dos conductores na explanada portuaria. A asociación cultural Alfaia, responsable de ter recuperado esta tradición, fai un chamamento ós veciños para que engalanen os seus vehículos e participen nesta procesión, singular, única e que cada ano reune a maior número de devotos. Antigamente Santa Uxía adoitaba celebrar os actos na honra do patrón dos transportistas; tradición que caeu en desuso ata que hai tres anos a asociación Alfaia conseguiu recuperala.