PONTEVEDRA > A Conselleira de Vivenda e Solo, Mª Teresa Táboas, asinou un convenio de colaboración co Concello de Pontevedra co fin de impulsar o plan de rexeneración do casco histórico da cidade. Trátase da recuperación e rehabilitación dos espazos históricos para modernizar os servizos e adaptalos ós novos tempos.
O convenio asinado inclúe o entorno de Santa María, as rúas Arzobispo Malvar, Pardo Bazán, Isabel II, Churruchaos, Calezón de San Bartolomeu, García Alén, Alfonso XIII, Paseo de Colón e Xan Guillerme. As obras que se realizarán consistirán na renovación integral dos servizos pavimentación e alumeado para lograr unha ampla zona residencial dando lugar á existencia de áreas de descanso equipadas. O custe total destas actuacións ascende a cinco millóns catrocentos cincuenta mil trescentos vintetrés euros e ten un período de execución de dous anos.
Este é o primeiro convenio asinado pola conselleira Teresa Táboas seguindo a mesma liña de actuación do concello de Pontevedra e non só rehabilita os edificios do casco antigo da cidade senón que recupera os arredores e dótaos de servizos modernos acordes co noso tempo.
Paralelamente a este convenio a consellería de Vivenda colabora co concello pontevedrés na ampliación do polígono de O Campiño e no proxecto do plan parcial de Valdecorvos coa construcción de vivendas protexidas.
Redacción Salnés