Concello e veciños opóñense á creación dunha canteira no monte de Bealo

    canteirabealo_100_090407.jpgBOIRO > A creación dunha canteira de granito no monte de Bealo desatou as críticas tanto dos veciños como do concello polo seu gran impacto ambiental.

    O proxecto contempla a ocupación dunha área de 150 mil metros cadrados nas inmediacións do monte Confurco para a explotación dunha canteira de granito e a instalación dunha planta trituradora e clasificadora de material.

    A súa creación xerou o rexeitamento dos veciños afectados dende o inicio do proceso posto que a canteria ubicariase nunha zona de importante valor paisaxístico e cultural, calificada de chan rústico de protección forestal, e a tan só 400 metros dun núcleo poboacional, coas consecuentes molestias para os veciños.

    O alcalde boirés, Xosé Deira, desprazouse ata a Dirección Xeral de Urbanismo para coñecer o estado en que se atopa o proceso para a obtención da licenza por parte da empresa.

    Alegacións

    canteirabealo_200_090407.jpgTras comprobar o gran impacto ambiental desta instalación, a intención do concello é presentar unha serie de alegacións para que o proxecto non vaia adiante. Aínda que o prazo de exposición pública do estudo de impacto ambiental xa rematou, o executivo dispón aínda dunha semana para facer chegar as súas observacións, á Consellería de Industria.

    A pesar de que será o ente autonómico quen teña a última palabra, o goberno local agarda que se teñan en conta os seus argumentos para evitar a degradación deste espazo natural. A este respecto, hai que lembrar que hai anos, outra empresa iniciou un explotación similar na mesma zona cunha licenza de carácter experimental que vén de ser paralizada.

    Redacción Barbanza