Noia pon en valor o seu casco histórico cunha inversión de 1’4 millón de euros

inauguracioncascohistoriconoia_100_090407.jpgNOIA > O concello de Noia inaugurou as obras de rehabilitación e mellora realizadas en varias rúas do casco histórico da vila.

A actuación, presupostada en preto de 1’4 millóns de euros, foi financiada en parte grazas ó programa Proder II que xestiona a Asociación Rural de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia.

O acto inaugural iniciouse na casa consistorial, coa recepción das autoridades. Entre os presentes atopábanse a totalidade dos alcaldes que compoñen a Asociación Rural de Desenvolvemento Muros-Noia. Dende alí a comitiva realizou un percorrido polo casco histórico da vila para comproba-lo resultado final das obras efectuadas. En total 24 rúas e unha praza. Trátase de zonas tan coñecidas do casco vello noiés como Mazacáñamos ou Laxe para rematar na Praza da Fanequeira, lugar escollido precisamente para o acto protocolario do descubrimento da placa.

Investimento millonario

A actuación levada a cabo foi posible grazas en gran parte ós fondos do programa europeo Proder II, xestionados polo ente supramunicipal, así como tamén pola Consellería de Medio Ambiente e o propio concello noiés. En total as obras supuxeron un investimento de preto do 1’4 millóns de euros.

O alcalde noiés, Antonio Pérez Insua, destacou a obra realizada, xa que significa a posta en valor do casco histórico da vila, a principal seña de identidade deste concello. A actuación supuxo segundo el unha gran inversión, xa que ademais do empedrado, instaláronse novas canalizacións soterradas para os servizos de saneamento e abastecemento de auga, así como tamén electricidade, gas, telefonía e fibra óptica.

Redacción Barbanza