Portos autoriza a instalación das atraccións das festas de San Pedro

    MUROS> Malestar en Muros ante a negativa de Portos a ceder o espazo para a celebración das festas de San Pedro. O concello non descarta o cambio de ubicación das atraccións se finalmente non obteñen o permiso. O que teñen claro é que as festas si se celebrarán. A decisión de Portos de Galicia de denegarlle o permiso ó concello muradán para a instalación na zona portuaria das atraccións das festas de San Pedro, que comezan o próximo luns, levantou un enorme rebumbio na vila. A maioría dos veciños consideran que a medida é desproporcionada. Segundo eles as festas sempre se celebraron neste espazo, polo que non entenden agora este cambio de postura. Dende Portos de Galicia son claros neste aspecto. A prohibición responde basicamente ó feito de que non se trata dunha actividade de carácter portuario ou que garde relación co mar. Ademais para poder celebrarse sería necesario asumir unha serie de responsabilidades por parte do concello, como é o caso dun seguro de responsabilidade civil, que polo de agora non se dan. Aínda así unha conversación mantida esta mañá pola nova rexedora, María Xosé Alfonso, co presidente de Portos, José Juan Durán, desenquistou a situación. O concello muradán poderá celebrar finalmente no entorno portuario as festas. Unha decisión que segundo explicou a propia rexedora o ente autonómica fará extensible ata setembro en tódalas vilas mariñeiras. Rematado este prazo Portos ten previsto sacar un novo regulamento de usos nas súas instalacións que de seguro dará moito que falar.