A Semana Galega da Filosofía reflexiona sobre as diferenzas

    semanagalegafilosofia100_090407.jpgPONTEVEDRA > O Centro Social Caixanova de Pontevedra acolle estes días a Semana Galega da Filosofía. Nesta XXIV edición proponse …

    … unha reflexión sobre o concepto do diferente.

    A Semana Galega da Filosofía arrancou hoxe en Pontevedra reflexionando sobre as diferenzas do mundo actual, que con demasiada frecuencia se traducen en desigualdade, desintegración social ou en pura violencia. Ó longo desta semana as mañás dedicaranse a ofrecer as explicacións que ofrece a filosofía para pensar as diferenzas. O primeiro en falar neste eido foi o intelectual Vicenç Navarro, pero sobre a teoría feminista, o pensamento débil da postmodernidade, a transmodernidade ou as achegas da metafísica falará tamén Gianni Vattimo, mañá ás dez e media.

    As tardes centraranse nas diferenzas na realidade galega. O epígrafe ‘As diferenzas aquí e agora’ foi inaugurado polos expertos en urbanismo Xosé Manuel Tato Camino e Juan Luís Dalda Escudero. Mañá ás cinco os escritores Darío Xoán Cabana e Anxo Angueira reflexionarán sobre ‘Lingua e nación’.

    As sesións da noite denominaranse ‘Diferenzas Vetadas’, para falar de política, arte e literatura. A conferencia de hoxe correu a cargo do sociólogo Daniel Pino, actual director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Mañá tomará o relevo, ás oito da tarde a crítica literaria Helena González para falar de ‘Escritoras diferentes nunha literatura/nación diferente’.

    Redacción Salnés