Rianxo contará con vivendas socias para mozos e maiores en réxime de aluguer

    vivendassociaisrianxo_100_100407.jpgRIANXO > O alcalde de Rianxo mantivo un encontro co Director Xeral do IGVS para analizar as posibles ubicacións das novas vivendas sociais.

    Trala xuntanza mantida esta mesma mañá, a Consellería de Vivenda estudará as dúas propostas de ubicación efectuadas polo concello para a cesión de terreos. O ente autonómico determinará cal é a máis axeitada para a integración das vivendas sociais dentro da trama urbana do municipio.

    O proxecto, que están a desenvolver conxuntamente as Consellerías de Vivenda e de Vicepresidencia, consiste na construción de apartamentos dun dormitorio e 40 metros cadrados útiles como mínimos a adxudicar en réxime de aluguer a mozos menores de 35 anos e maiores de 65 anos.

    Servizos comúns

    Ademais das vivendas, levariase a cabo a construción dun centro de día na planta baixa do edificio que permitiría ofertar atención especializada ás persoas da terceira idade que así o precisen. O inmoble disporía ademais dunha área de servizos comúns, con salas de estar, cafetería, comedor e lavandería.

    A construción de agrupacións de vivendas protexidas deste tipo non só se levará a cabo en Rianxo senón que a Xunta de Galicia ten previsto desenvolver iniciativas similares noutros concellos como Ferrol ou Vilagarcía.

    Redacción Barbanza