A taxa de delincuencia en Rianxo é moi inferior ó resto da comarca

    xuntaseguridaderianxo_100_120407.jpgRIANXO > O concello de Rianxo acolleu a primeira reunión da Xunta Local de Seguridade, recentemente constituída neste concello.

    Ademais do alcalde, Pedro Piñeiro, e representantes dos distintos corpos de seguridade, estivo presente nesta xuntanza a subdelegada do goberno na Coruña, Obdulia Taboadela.

    No transcurso da reunión, analizáronse diversos aspectos relativos á seguridade en Rianxo. Segundo informou a subdelegada do goberno as estatísticas do primeiro trimestre do ano 2007 revelan un índice moi baixo de delincuencia no municipio rianxeiro. Este dato é aínda máis positivo se temos en conta que o noventa por cento das infraccións cometidas acaban por esclarecerse, feito que pon de manifesto a eficacia das forzas de seguridade.

    Alta sinistralidade

    O aspecto negativo atopámolo na seguridade vial posto que a taxa de sinistralidade no concello, ó igual que en toda Galicia, segue a ser moi alta. Tan só en Rianxo rexistráronse dúas vítimas mortais durante o pasado ano e unha máis no que vai de ano.

    Co obxectivo de reducir este índice, a subdelegación provincial do goberno adquiriu o compromiso de incrementa-la vixilancia na estrada comarcal AC-305, por onde será desviado o tráfico procedente da vía rápida a partir do día 23, cando se iniciarán os primeiros cortes. Ademais da posta en marcha dun dispositivo especial, tanto o alcalde, Pedro Piñeiro, como a subdelegada do goberno apelaron á prudencia de conductores e peóns para evitar accidenres.

    Obdulia Taboadela informou tamén da recente posta en marcha das unidades provinciais contra a violencia de xénero en tódalas subdelegacións do goberno. Estes dispositivos teñen por obxectivo reduci-la lacra social que constitúen os malos tratos dentro do fogar, a través da detección e atención ás vítimas e a condena ós agresores.

    Redacción Barbanza