O PP pide o cese da directora do hospital polo ‘uso electoralista do centro’

    hospitalbarbanza_100_120407.jpgBARBANZA > O PP reclama o cese da directora do Hospital do Barbanza por ‘poñer o centro ó servizo do PSOE de Ribeira para un acto electoral’.

    A denuncia do voceiro adxunto do grupo parlamentario do Partido Popular, Manuel Ruiz Rivas, fai referencia a unha xuntanza mantida pola actual xerente do Hospital comarcal do Barbanza cos integrantes da candidatura do PSOE de Ribeira.

    Este feito é para o deputado popular unha utilización dos medios públicos para a campaña electoral, o que segundo el constitúe unha aberración democrática que só pode ser reparada cesando á xerente do Hospital, como responsable da cesión das instalacións.

    Ruiz Rivas considera que o comportamento da xerente só pode obedecer a dúas causas. Ou ben a unha ousadía persoal e un afán de protagonismo político desmedido, ou a que recibiu instrucións dos seus superiores para poñe-lo centro hospitalario a disposición da delegación socialista de Ribeira, entre os que só figuraba, segundo el, un concelleiro, Xosé Vicente Domínguez, xa que os demais integrantes da delegación non desempeñan cargo institucional algún.

    Nova U.A.D.

    Por outra banda Manuel Ruiz defendeu no parlamento unha proposición non de lei para instar á Xunta a licitar de inmediato as obras de construción dun novo centro para a Unidade de Atención ós Drogodependentes de Ribeira en terreos anexos ó Hospital da Barbanza.

    uadribeira_200_120407.jpgO voceiro do Grupo Popular denunciou publicamente o retraso e a deixadez do actual Goberno Autonómico, que impediu que as obras tiveran comezado a día de hoxe. Ruíz Rivas fai referencia a que nunha resposta escrita que lle foi remitida con anterioridade, a administración sanitaria anunciaba que a nova UAD de Ribeira estaría lista no primeiro semestre de 2008, pero segundo el o feito de que as obras continúen sen licitar na actualidade fai que sexa imposible que as instalacións poidan estar listas nese prazo.

    O deputado barbanzán amosouse tamén sorprendido polo contido da emenda presentada polo Grupo Socialista, xa que, dous anos despois de se asinar o protocolo entre a Consellería de Sanidade e o concello de Ribeira, o proxecto construtivo da nova sede da UAD está aínda sen elaborar.

    Precisamente o deputado socialista, Xosé Manuel Lage, vén de anunciar a recente aprobación por parte da Consellería de Sanidade do Plan Funcional e o Programa de Espazos do novo dispositivo asistencial de drogodependencias de Ribeira.

    A previsión da Consellería de Sanidade pasa fundamentalmente porque se licite o proxecto da nova U.A.D. este mesmo verán e así poida entrar en funcionamento no primeiro semestre do 2009.

    Redacción Barbanza