A Pobra do Caramiñal estrea centro de día para corenta usuarios

    POBRA> O acto inaugural contou coa presenza de numerosas autoridades, entre elas os conselleiros de Vicepresidencia e Traballo, Alfonso Rueda e Beatriz Mato, respectivamente. O executivo pobrense agardou ó último día que lle permitía a lei, unha vez publicada no Boletín Oficial do Estado a convocatoria das eleccións municipais, coa conseguinte prohibición de toda promoción de actuacións e obras realizadas con fondos públicos, para proceder á inauguración das novas instalacións do centro de día, situadas na rúa Venecia, a carón da residencia e do centro de saúde da localidade. Fíxoo en ‘olor’ de multitudes, xa que foron moitas as autoridades presentes. Ademais da práctica totalidade dos membros do equipo de goberno, co seu alcalde á cabeza, Isaac Maceiras, no acto tomaron parte os conselleiros de Vicepresidencia, Alfonso Rueda, e Traballo e Benestar, Beatriz Mato. Tampouco faltou o xerente do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e a delegada da Xunta na provincia da Coruña, así como deputados estatais e autonómicos e boa parte dos alcaldes da comarca. Tamén asistiron numerosos veciños que non quixeron perderse tampouco a posta de longo desta importante obra, cun custe próximo ó millón de euros. Durante a rolda de intervencións, o rexedor pobrense destacou a importancia da actuación, un logro da súa xestión e que era ademais unha das súas promesas electorais para o mandato que agora finaliza, e que agora pode ver cumprida, dando así resposta ás necesidades que ten este municipio. Tanto o vicepresidente da Xunta Galicia, Alfonso Rueda, como a conselleira de Traballo e Benestar, fixeron alusión á importancia deste novo servizo dirixido ás persoas maiores e que dará servizo a un total de corenta usuarios. A nova infraestrutura, de preto dos seiscentos metros cadrados de superficie, está dotada de dúas plantas, con cociña e comedor, varias salas polivalentes nas que poder desenvolver terapia ocupacional e rehabilitación, así como dúas terrazas.