Vicepresidencia modificará o modelo de xestión da residencia de Ribeira en 2009

    visitabieitoseara_100_120407.jpgBARBANZA > O director xeral de Acción Social de Vicepresidencia, Bieito Seara, visitou o Barbanza para coñecer o funcionamento de varios servizos asistenciais.

    No seu itinerario pola comarca visitou a Residencia do Maior de Ribeira onde se interesou pola situación deste centro que leva aberto cinco anos e que dispón dunha capacidade para 106 usuarios.

    Despois de realizar un percorrido pola residencia ribeiresa onde inspeccionou tódalas instalacións acompañado pola directora do centro, o director xeral de Acción Social da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, Bieito Seara, anunciou que o seu departamento ten intención de incrementa-los fondos económicos para dotar á comunidade galega de maior número de centros asistenciais para a terceira idade.

    Bieito Seara sinalou ademais que Vicepresidencia ten en mente tamén que residencias como a de Ribeira, que son de titularidade pública, pero que nestes momentos están sendo xestionados por unha empresa privada, cambien de modelo de xestión. Segundo el os contratos da totalidade dos centros rexidos por este sistema de xestión finalizarán entre os anos 2009 e 2010. a intención da Xunta é que sexa nesa data cando pasen a formar parte de Sogaserso, a empresa constituída por Vicepresidencia, conxuntamente con Caixa Galicia e Caixanova.

    Novos centros de día

    O Goberno Autonómico prevé tamén a apertura de tres novos centros de día na comarca do Barbanza, nos concellos de Boiro, Porto do Son e Ribeira. Precisamente o director xeral de Acción Social da Vicepresidencia estivo visitando tamén estas dependencias para coñecer de primeira man como estaba a súa situación.

    Nos casos de Boiro e Porto do Son a súa entrada en funcionamento podería darse mesmo este verán. En canto á apertura do centro de día en Ribeira o proceso veríase ralentizado en función de buscarlle unha solución ó problema de accesibilidade que presenta actualmente o edificio, que se atopa nunha entreplanta na Avenida do Malecón.

    Redacción Barbanza