Escolares de Ribeira aprenden a convivir en igualdade de xénero

    obradoiroigualdade_100_120407.jpgRIBEIRA > O concello acaba de poñer a andar un programa de Educación en Igualdade dirixido ós escolares de primaria e as ANPAS dos centros educativos.

    Escolares ribeireses de entre tres e doce anos participan dende esta semana nun obradoiro para a Educación en Igualdade que se desenvolverá durante cinco meses nas aulas de servizos socais do concello. A iniciativa impulsada polo departamento de Acción Social, a través da empresa ‘Andamiaxe’, ten por obxectivo educar ós cativos substituíndo a tópica adxudicación de roles entre homes e mulleres por unha igualdade de xénero real.

    Polo momento, aínda é cedo para avaliar os resultados da experiencia, dado que o obradoiro iniciouse esta mesma semana. Nestas primeiras sesións, os nenos expuxeron as actividades que lle gustan e as que non e, da súas respostas, dedúcese que aínda teñen interiorizadas grandes diferencias entre ámbolos dous sexos.

    O programa deste obradoiro inclúe tamén unidades didácticas sobre os oficios e as tarefas no fogar, onde habitualmente se ven máis as diferencias de xénero.

    Ademais da realización de actividades lúdicas cos nenos, o obradoiro contempla unha serie de charlas formativas cos pais para que a educación en igualdade comece na propia familia.

    Redacción Barbanza