MUROS> As obras levadas a cabo no municipio foron executadas con cargo ó Plan Marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias da consellería do Medio Rural.
Acompañado da alcaldesa, María Xosé Alfonso, e o edil de Obras, Xosé Manuel Quintela, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, coñeceu de primeira man o resultado das obras levadas a cabo nos lugares de San Xián e Pando, na parroquia de Torea. A actuación consistiu basicamente no acondicionamento e ampliación do camiño que une ambos núcleos. Unhas obras que segundo sinalou a propia rexedora eran moi necesarias xa que viñeron a mellorar as necesidades destas dúas aldeas.
As obras foron realizadas con cargo ó Plan Marco de mellora de camiños municipais e acceso a explotacións agrarias da consellería do Medio Rural. Un Plan que supuxo un investimento global nas últimas anualidades en Muros duns 130 mil euros. Unha cantidade importante que se engloba nos máis de 543 mil euros do Agader distribuídos nos concellos das comarcas do Barbanza e Muros Noia nestas dúas anualidades.