Inesperada dimisión do edil boirés Antón Vidal a tan só un mes das eleccións municipais

    BOIRO > O concelleiro de Medio Ambiente e Participación Cidadá, Antón Vidal, presentou a súa dimisión no rexistro xeral do concello.

    Como el mesmo explica, as razóns que o levaron a tomar esta decisión viñeron provocadas polo ‘linchamento político’ ó que se veu sometido na última xuntanza do Consello Local do BNG. Antón Vidal pasará a integrar no que resta de lexislatura o grupo mixto ou de non adscritos.

    A dimisión de Antón Vidal prodúcese nun momento no que ninguén agardaba que isto puidera acontecer, cando falta apenas un mes para a celebración das eleccións municipais.

    Aínda así as discrepancias existentes no seo do grupo maioritario no goberno de Boiro con este concelleiro eran coñecidas dende hai tempo. O seu carácter pouco afable e as críticas a algunhas decisión tomadas polos seus compañeiros de partido fixeron que a fenda fose a máis, dando como resultado a súa marcha do actual goberno municipal.

    A circunstancia que parece ser derivou na súa marcha veu provocada pola decisión da executiva de non incluilo entre os cinco primeiros postos da lista que o partido estaba a elaborar.

    Dende o Consello Local considerábase necesario realizar unha renovación do actual grupo municipal de cara ás vindeiras eleccións e este cambio viría dado principalmente pola non inclusión de Antón Vidal nos cinco primeiros postos da lista.

    A pesar diso dende o Consello Local valórase o traballo realizado por Antón Vidal nestes catro anos nas áreas de Medio Ambiente e Participación Cidadá. 

    ´Linchamento político’

    No escrito presentado por rexistro no que comunica a súa renuncia alude ó ‘linchamento político sufrido por parte do Consello Local’ que o levou mesmo a presenta-la baixa como militante desta formación política despois de 28 anos’.

    Outra das cuestións ás que alude para xustifica-la súa marcha é a perda de confianza dos concelleiros compañeiros de grupo municipal, pois a decisión do Consello Local foi por unanimidade e tres dos membros dese órgano son actualmente edís na corporación municipal.

    Nada máis ter coñecemento da nova esta redacción intentou poñerse en contacto en máis dunha ocasión con Antón Vidal, así como tamén co alcalde, Xosé Deira, para coñecer un pouco máis as posibles causas que levaron á toma desta decisión, pero foi totalmente imposible.

    Segunda dimisión

    Dase a circunstancia ademais que esta non é a única renuncia neste grupo político no que levamos de lexislatura. Cabe recordar tamén a marcha de Lois Fajardo en setembro do ano 2004 despois da polémica xurdida a raíz da denuncia presentada por un veciño da localidade pola suposta ilegalidade da vivenda que o o daquela edil estaba a construír no lugar de Chancelas.

    Redacción Barbanza