O PSOE pobrense pide a convocatoria da praza de aparellador

    POBRA> Os socialistas denuncian o abuso das contratacións administrativos de servizos a empresas externas. A voceira do PSOE na Pobra, Teresa García Guillán, fai referencia á aprobación de dous expedientes de contratación de servizos a empresas externas por parte do executivo local, un dos cales presenta ademais informe negativo do interventor, ó considerar que as funcións de asesoramento técnico urbanístico deberían realizarse por un funcionario para garantir a obxectividade e a imparcialidade do proceso. Segundo a edil socialista o propio interventor sinala nese informe que o gasto anual previsto para estas contratacións, que supera os 40 mil euros, é notablemente superior ó que suporía a cobertura da praza de arquitecto técnico, que tería unhas retribucións anuais duns 28 mil euros. Razón principal que leva á voceira socialista a solicitarlle ó equipo de goberno a que realice os trámites necesarios para cubrir esta praza de aparellador municipal, renunciando ós contratos administrativos de servizos a empresas externas. Na moción, Teresa García Guillán pregunta tamén polos motivos que levaron ó alcalde a continuar co procedemento de contratación, a pesar de contar co ese informe en contra do interventor municipal.