NOIA> O pasado martes pola noite arrancaba unha nova edición, e xa van alá un total de 23, da Mostra de Curtas de Noia.
O teatro Coliseo Noela vestiuse de gala para acoller a homenaxe que a organización do certame decidiu tributarlle ó actor e humorista, Pedro Brandariz, finado repentinamente o pasado mes de febreiro. Foi un acto emotivo cara unha figura emblemática, vinculada ó Festival dende os seus inicios, que por uns momento recobrou de novo o protagonismo.
Non faltaron familiares, amigos e compañeiros de profesión, como é o caso de Pepo Suevos, Touriñán ou Federico Pérez. Aínda que o protagonismo ese día non era para eles.
O edil de Cultura, Pepe Pérez, anunciou tamén que a partir desta edición pasará a denominarse co seu nome o premio da mellor curta amateur.
O numeroso público que se achegou ata o Noela puido asistir tamén á presentación de varios traballos inéditos do actor, coa proxección de tres capítulos da web-serie ‘Mataría’, da que era creador, xunto con Javier Seoane, e tamén protagonista; así coma da curtametraxe de ‘Compañeiros’, feita por el, e que foi incluída tamén na sección oficial do festival.