Valga pranta cara a Fomento e continuará cos cortes ata que se suprima o paso a nivel de Campaña

VALGA > A proposta feita en Valga por Fomento sobre os pasos a nivel no municipio non satisfixo aos veciños do concello que á tarde -noite decidían que seguirán cortando o tráfico ferroviario no paso a nivel do sinistro ata que se asine o convenio. Para iso esixen que os técnicos acudan canto antes a estudar o paso a nivel de Campaña e emitan o informe de execución dun paso elevado no canto dun automático con barreiras.

O alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, reuníase onte cos veciños que, como cada día dende o tráxico 25 de abril, se manifestan cortando a tráfico ferroviario no paso a nivel de Campaña. O alcalde valgués trasladáballe o contido da reunión mantida onte ao mediodía no concello co delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, na que se acordou a supresión de 11 dos 14 pasos a nivel de Valga a excepción do de Campaña, que queda pendente dun informe técnico que permita a execución dun paso elevado e de dous que se atopan na parroquia de Cordeiro e que serán habilitados con barreiras, sinais luminosas e acústicas e outras medidas de seguridade.

Os veciños non acolleron con satisfacción a nova fartos de levar anos pedindo que se supriman os pasos a nivel e máis en concreto o de Campaña. A tráxica morte dos tres veciños de Valga a pasada semana foi a gota que colmou o vaso da paciencia dos valguenses desfeitos pola perda de tres vidas humanas polo que a todas luces consideran un fallo mecánico. Por iso esixen un compromiso en firme que remata con esta situación canto antes.

Polo momento os cortes de tráfico viario manteranse, coma cada día entre as oito e as dez da noite ata que os técnicos fagan o estudo e o aproben.

Redacción Salnés