RIBEIRA> A asociación Cerqueiros Galegos quere facerse escoitar. Os representantes da entidade, que engloba á maior parte dos profesionais que se opoñen ó reparto plantexado por ACERGA, mantiveron un encontro coa deputada do PSOE no Parlamento, Loli Toja. Expuxeron, entre outras inquedanzas, os problemas relativos ás cotas con que conta a comunidade. A pesar da abundancia de xarda non se pode pescar e agora deben asumir a imposición dun límite diario de de descarga de xurelo de mil quilos por tripulante. Restrición que, lembran, só se aplicará a Galicia e non ó resto do Cantábrico. Durante preto de dúas horas a deputada escoitou as demandas dos representantes do sector, entre elas, os problemas co incremento das inspeccións a bordo dos barcos que, din, criminaliza o sector. Comprometeuse a trasladar estes problemas para o seu debate parlamentario aproveitando a existencia dun goberno socialista en Madrid. Dende a asociación de cerqueiros quixeron tamén desmarcarse da postura de ACERGA, a súa gran antagonista, por mor do sistema de reparto común da cota. No único no que coinciden é na necesidade de que se aumente os TACs totais para Galicia.
Inicio BARBANZA