O novo convenio inclúe melloras sociais para os funcionarios da Pobra

    POBRA > O concello da Pobra do Caramiñal ten previsto levar ó vindeiro pleno o novo acordo regulador dos funcionarios municipais para a súa aprobación. O anterior convenio comezara a súa vixencia en xaneiro do ano 2002 rematando en decembro do 2004 polo que era necesaria a súa renovación.

    O alcalde da Pobra do Carmiñal, Isaac Maceiras, amosou a súa satisfacción polo acordo acadado cos funcionarios, xa que o texto foi consensuado por tódalas partes e as conversacións discorreron nun clima de gran entendemento.

    Así segundo el, o novo convenio laboral dos funcionarios municipais incluirá unha serie de melloras nas súas prestacións sociais que non están recollidas nos servizos asistenciais da Seguridade Social, o que supón, en palabras do propio alcalde, un importante avance con respecto o acordo vixente ata o de agora, xa que as condicións que había vense reforzadas.

    Entre as melloras conseguidas con este novo acordo figura tamén a cobertura económica cando se produzan continxencias médicas especiais que fagan necesaria a adquisición de próteses, de pezas dentarias ou reposición de lentes, entre outros.

    Isaac Maceiras, tamén destacou o feito de que, por primera vez, o texto recolle a obrigatoriedade que ten o concello, de entregarlle a roupa de traballo ó persoal dos servizos de mantemento, obras, xardinería e ós axentes da Policía Local.

    Outros aspectos recollidos no documento refírense ás axudas que recibirán os funcionarios que teñan fillos estudando. Así as aportacións, cuxa contía aparece especificada no novo acordo, están pensadas para contribuir a cubri-los gastos desde a educación primaria ata a universitaria.

    Finalmente, o documento inclúe tamén melloras que beneficiarán ó persoal no relativo á obtención de permisos, posibilidade de realización de cursos de formación profesional e no que respecta ás xornadas laborais.

    Redacción Barbanza