‘R’ ofertará os seus servizos en Boiro antes de finais de ano

    convenioboiror_100_040507.jpgBOIRO > Os cidadáns do núcleo urbano de Boiro poderán desfrutar dos servizos de telecomunicacións da empresa ‘R’ antes de finais de ano.

    O convenio establecido entre o concello de Boiro e a empresa de telecomunicacións ‘R’ permitirá o acceso ós seus servizos a preto de cinco mil fogares e empresas, radicadas no núcleo urbano do concello.

    Hai un par de meses, aproveitando a apertura de varias rúas para a súa peonalización, iniciáronse as obras de canalización que está previsto que rematen en xuño cando se iniciará a instalación de cinco quilómetros de fibra óptica.

    O director da división de rede de ‘R’, Julio Sánchez Agrelo, estima que os traballos concluirán o vindeiro mes de novembro, data a partir da cal os boireses poderán desfrutar da mesma oferta que o resto das grandes cidades galegas. Ademais de teléfono fixa, internet de alta velocidade e televisión dixital interactiva con máis de cen canles, a compañía galega ten previsto o lanzamento de servizos de telefonía móbil de cara a finais de ano.

    Investimento millonario

    O investimento previsto para esta actuación é de 3’36 millóns de euros, que contribuirán a situar a Boiro á cabeza das telecomunicacións en toda a comarca do Barbanza. Este feito débese, segundo os responsables da firma galega, á boa disposición e dilixencia das autoriadades municipais que en todo momento apostaron pola implantación da fibra óptica no municipio.

    Pola súa banda, tanto o alcalde, Xosé Deira, como o tenente alcalde, Xoán Xesús Ares, agradeceron a axilización dos traballos por parte da empresa, que marchan ó ritmo previsto, e solicitaron a comprensión dos veciños polas molestias que poidan ocasionar as obras.

    Os responsables municipais aproveitaron a presenza dos directivos da compañía para solicitarlle futuros investimentos no municipio, de feito que o servizo poida chegar a outros núcleos importantes de poboación situados nas parroquias. Julio Sánchez Agrelo anunciou que xa se están a ensaiar fórmulas vía radio para a extensión da rede polo que non descarta a ampliación do servizo nun futuro, aínda que non inmediato. Mentres tanto, a compañía xa ten prevista a súa implantación noutros concellos da comarca e xa se iniciaron actuacións na Pobra e en Ribeira.

    Redacción Barbanza