‘Era’ achega a Boiro o seu romanticismo abstracto

    BOIRO> A Casa da Cultura de Boiro acollerá ó longo de todo este mes a exposición da artista lucense Emma Rodríguez. É a primeira vez que a pintora achega a súa obra ó Barbanza, cunha escolma de pinturas abstractas. Emma Rodríguez realizou unha selección entre a súa inxente colección de traballos desenvolvidos durante máis de dúas décadas dedicada á pintura para expoñer na casa da cultura de Boiro. As peculiaridades da sala de exposicións determinaron as pinturas a exhibir que permanecerán na Cachada ata finais de mes. Destacan as pinturas en gran formato ou a obra Destello, catalogada na revista Art de Barcelona. Todas co punto común do romanticismo abstracto como tema central. Aínda que é a primeira vez que Emma Rodríguez, máis coñecida no mundo artístico como Era, estrea colección no Barbanza, a súa pintura conta cun gran recoñecemento dentro e fóra das nosas fronteiras con presenza nas máis prestixiosas galería e feiras de arte a nivel nacional e internacional.