Galicia demanda flexibilidade na prohibición dos descartes ante a UE

GALICIA> Galicia demanda á Unión Euroea que teña en conta a prohibición dos descartes no establecemento das cotas de pesca do Báltico e no resto das súas augas. Así o solicitou a Conselleira do Mar no Consello de Ministros de Pesca celebrado hoxe en Bruxelas no que Rosa Quintana representa ó resto das comunidades españolas en materia de pesca. Aínda que Galicia non posúe intereses directos de pesca no Mar Báltico, a aplicación dos criterios de reparto na zona si ten importancia para a comunidade posto que nela se deciden os principios de TACs e cotas para determinados países. Por esta razón, a conselleira do Mar solicitou ó Conselloo de Ministros que sexa unitario e manteña os mesmo criterios de reparto. Neste sentido, fai fincapé na necesidade de flexibilizar a prohibición dos descartes a través de diversas medidas. Entre elas, a aplicación de incrementos que contribúan a paliar a obriga de desembarque de capturas ou a eliminación dos TAC naquelas especies sen risco de conservación. Durante o Consello abordouse tamén o posicionamento a adoptar pola Unión Europea de cara á reunión da Comisión Internacional para a Conservación do Atún Atlántico que se celebrará a mediados de novembro en Croacia. Galicia defende a necesidade de incrementar as posibilidades de pesca para o próximo ano unha vez constatada a abundancia de bonito do norte nos caladoiros onde faena a flota galega: golfo de Biscaia, Ortegal e Irlanda. Con respecto ás consultas anuais da Unión Europea con Noruega que tamén se trataron neste Consello, Galicia aposta por tratar de maximizar as posibilidades de pesca do bacallau sen afectar ó intercambio de especies que tamén son imprescindibles para a nosa flota.