O BNG de Boiro insta ó goberno a iniciar os trámites para a renovación integral do campo de fútbol de Bealo

BOIRO> O BNG de Boiro volve reclamar a mellora integral do campo da Lomba en Bealo. Lembran os nacionalistas que o pleno acordou por unanimidade dotar a esta instalación de superficie de herba. A moción aprobouse en abril pero aínda non se iniciou o procedemento.

O campo da Lomba, en Bealo, é un dos poucos que quedan con chan de terra. Esta circunstancia limita moito o seu uso, especialmente para certas disciplinas como fútbol gaélico, cun equipo no Club da parroquia.

A pesar do acordo plenario aprobado en abril para a renovación integral do campo, o BNG denuncia que nada se ten feito ata o momento polo que veñen de presentar unha iniciativa para instar ó goberno a presentar a solicitude por rexistro ante a Deputación da Coruña que comprometeu o seu apoio para financiar a actuación.

Ademais de dotalo de herba, o BNG reclama outras moitas melloras como a renovación das gradas e dos bancos que mesmo poden supoñer un risco para os xogadores.