Boiro recuperará o patrimonio de Moimenta a través da declaración da ARI

    arimoimenta_100_090507.jpgBOIRO > A corporación municipal debaterá a aprobación da ARI de Moimenta que pretende a recuperación das edificacións tradicionais e do seu entorno

    Unha vez obteña o visto bo de pleno, o proxecto da Área de Rehabilitación Integral de Moimenta será remitido á Consellería de Vivenda e Solo, organismo encargado de autorizar a recuperación deste núcleo boirés. A ARI comprenderá tódolas edificacións situadas no casco antigo de Moimenta, tanto as vivendas como os diversos elementos patrimoniais do seu entorno.

    O proxecto contempla ademais o empedrado dunha corredoira romana que constituía unha importante vía de comunicación co alto do Barbanza e a recuperación de cinco muíños situados ó seu carón.

    Ademais dos traballos de rehabilitación, o proxecto tamén inclúe o soterramento dos servizo básicos de telefonía, alumeado e recollida de pluviais para erradicar o feísmo e facilita-la integración do conxunto.

    Para asesorar ós propietarios das vivendas afectadas por esta Área de Rehabilitación, a Consellería de Vivenda creará unha oficina de información con persoal técnico cualificado. Unha vez acometida a rehabilitación integral de Moimenta, o concello agarda que sirva como exemplo para a recuperación doutros núcleos de gran valor como Loxo de Arriba e Loxo de Abaixo, Belles, Insuachán ou Bealo.

    Redacción Barbanza