O PSOE de Rianxo denuncia a perda dunha nova subvención

RIANXO> O grupo municipal do PSOE de Rianxo critica a perda dunha subvención autonómica para a mellora de instalacións deportivas. Piden ó executivo que conte coa colaboración do resto dos grupos para desenvolver un goberno participativo en beneficio de tódolos rianxeiros.

O voceiro do grupo socialista de Rianxo amosouse moi crítico coa forma de facer política do actual goberno posto que implicou a perda de ata catro subvencións que suporían importantes beneficios para a veciñanza. A última, unha achega autonómica para a mellora e execución de instalacións deportivas, que o goberno pretendía destinar á construción dunha pista de padel.

Un proxecto, din dende o PSOE, que non foi consensuado previamente co resto dos grupos e que finalmente non disporá de financiamento autonómico posto que debería estar xustificado a 30 de novembro, data imposible de cumprir dados os prazos da tramitación administrativa que requiría.

Fronte a isto, os socialistas propoñían destinar esta subvención á mellora e mantemento das instalacións deportivas do municipio, atendendo ás peticións dos clubs e usuarios. Denuncian ademais que non se trata dun feito illado posto que Rianxo xa ten perdido outras subvencións por non ter subsanado en tempo e forma os requirimentos.

Demandan ó executivo que conte coa colaboración do resto  dos grupos da corporación para desenvolver un proxecto de goberno participativo en beneficio de tódolos rianxeiros.