![]()
VILANOVA > A lista do PSOE de Vilanova segue a xerar malestar entre os militantes e simpatizantes socialistas pero tamén …
… entre os veciños do concello. Nos últimos días algúns estanse a dirixir incluso ó coordinador provincial Modesto Pose, é o caso de Ángel Varela, ex secretario local do PSOE de Vilanova.
O ex secretario local do PSOE en Vilanova, Ángel Varela, dirixiu unha carta a través dos medios ó Coordinador provincial socialista en Pontevedra, Modesto Pose na que deixa evidente o seu malestar coa candidatura que presenta este partido en Vilanova. Cuestiona o método para elixir a lista e tamén a súa composición. Segundo Varela dá a impresión que quere axudar ó PP de Vilanova e deixar ós votantes do PSOE orfos, obrigándoos a ir co seu voto a outra porta. Este militante histórico lamenta ver como algúns se moven máis por un posto que polas ideas.
O malestar pola lista socialista parece xerado pola presencia nela do avogado Manuel Fernández, como número 2, polos problemas de débedas económicas que ten con varios veciños e comerciantes da vila. Unha situación incómoda que xa foi advertida non só por algúns destes veciños afectados senón tamén por algúns integrantes da lista, caso de Rosa Pérez, número 5, que chegou a manifestar a Rodrigo Santiago a súa intención de abandonar a candidatura. Incómodos tamén porque, segundo afirmou o alcalde Gonzalo Durán, o propio Manuel Fernández se lle ofrecera para ser avogado do PP.
As críticas tamén llas manifestaron a Rodrigo Santiago os actuais edís socialistas Antonio Portas e Manuel Álvarez, ademais de outro militante histórico, José Losada, que foi deputado provincial do PSOE e tenente de alcalde de Vilanova co goberno socialista, que dixo incluso publicamente que non acudiría a votar.
Unha situación incómoda a que vive arestora o PSOE vilanovés, xa non só polo número 2 senón tamén polo campo de fútbol do Terrón. A Escola de Fútbol local culpa a Rodrigo Santiago de estar detrás da paralización do campo e xa advertiu que boicoteará os actos electorais dos socialistas e de momento, parece que o partido non ten programado ningún mitin en Vilanova capital.
Redacción Salnés







