O Grove quere patentar as súas centolas

O GROVE> No Grove, a Confraría de San Martiño quere que a centola meca conte cun distintivo propio. O pósito leva un ano traballando para conseguir unha patente que distinga o seu produto e poña en valor a súa calidade. O proceso encara agora a súa recta final e en cuestión de meses a marca “Centola do Grove” podería ser xa unha realidade.

É un dos produtos con máis sona no Grove, pero que agora quere ver recoñecido o seu prestixio e a súa calidade. A centola meca quere facerse cun distintivo propio e para iso, a Confraría de San Martiño leva máis dun ano traballando no proxecto. Dende o pósito indican que o principal obxectivo é conseguir un selo que a distinga no mercado e que certifique a súa calidade.

A Confraría xa fixo un primeiro rexistro no 2016. Daquela foi rexeitado por propor unha marca demasiado xenérica. Agora, cunha identificación máis detallada, identificando ó produto co pósito, os confrades cruzan os dedos para que o seu proxecto vexa a luz en breve. Con todo, segundo indican, o proceso é longo e laborioso.

Se todo vai segundo os cálculos da Confraría de San Martiño, no arranque da vindeira campaña da centola, no mes de novembro, a marca propia será xa unha realidade. Será entón cando o consumidor poida atopar no mercado a centola de sempre, pero recoñecida cun selo de calidade.