Un mozo de Carballa ferido grave ó caer por unha fiestra

    incendio_valga_100_250509.jpgVALGA> O accidentado fuxía dun lume que se iniciou na súa habitación mentres durmía.

    {flowplayer}images/salnes/250509_incendio_valga.flv{/flowplayer}

    Os veciños do lugar de Carballa, na parroquia de Cordeiro, Valga, espertaron onte cun tráxico suceso. Arredor das nove e media da mañá iniciábase un lume na habitación situada na cuberta desta casa que están a ver nas imaxes. No interior atopábase durmindo un mozo duns trinta anos que, nada máis decatarse do incendio, abriu a fiestra do cuarto, saíu por ela e, sen saber aínda moi ben como ocorreu, precipitouse ó chan. A fiestra está situada a unha altura que rolda os oito metros.

    No momento do incendio, ademais do mozo, na casa tamén estaba o seu pai. Minutos despois da caída chegou ó lugar unha ambulancia que trasladou ó ferido ó Hospital Clínico de Santiago, onde arestora permanece ingresado na unidade de coidados intensivos. O seu prognóstico é grave, aínda que se atopa estable. Sufre lesións na cabeza, tórax e pernas, ten varios órganos internos danados e cinco costelas fracturadas.

    A única estancia afectada polas lapas foi a habitación do mozo, que quedou calcinada por completo. Polo de agora descoñécese que orixinou o lume. Na extinción do incendio participaron voluntarios de Protección Civil de Valga, Catoira e Pontecesures así como a Garda Civil.

    Redacción Salnés