SALNÉS > En Sanxenxo e Cambados os partidos puxéronse de acordo para arrancar xuntos esta campaña electoral…
… Os seis aspirantes de Sanxenxo elixiron a praza de Pascual Veiga, enfronte da Casa Consistorial. En cambados os catro candidatos coincidiron á media noite na praza do Concello.
Ás doce en punto desta noite comezou a conta atrás para os candidatos á alcaldía de Sanxenxo. E non se foron moi lonxe da Casa do Concello que aspiran dirixir nos vindeiros catro anos. Con vasoira e caldeiro de cola nunha man e os carteis na outra os seis candidatos á alcaldía xuntáronse na praza Pascual Veiga acompañados dos seus compañeiros de lista. Arranca unha campaña na que o PP convida ós veciños a avanzar xuntos, o BNG promulga un Sanxenxo pensado para ti, o PSOE promete facer máis, VIPS afirma que pensa nos veciños, o Partido Galeguista asegura o mellor para Sanxenxo e IAS ofrece preparación, experiencia e honradez. Son os seus lemas.
En Cambados tamén se puxeron de acordo os candidatos no lugar de arrancada da súa campaña e tampouco se foron lonxe da Casa Consistorial. Os soportes especiais instalados na praza do Concello reuniron esta media noite ós catro aspirantes, o popular José Manuel Cores Tourís, que se presenta no cartel como alcalde de Cambados, Víctor Caamaño, do BNG que segue co lema de campaña do seu partido ‘Cambados pensado para ti’. o candidato do Partido Galeguista, Álvaro Rodríguez, e o socialista Domingo Tabuyo, con algunha que outra dificultade para pegar o seu cartel.
Pese a estas estampas con candidatos xuntos, ninguén dubida de que estas serán unhas Municipais moi rifadas. E en Ribadumia cun interese engadido, por ser o feudo do popular Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, un organismo que esperan arrebatarlle ó PP, tanto PSOE como BNG. Louzán vai de número 2 na lista encabezada por Salomé Peña. Os dous protagonizaban o arranque da campaña para o PP ribadumiense.
Redacción Salnés