Vilanova inaugura o albergue A Corticela

VILANOVA> Vilanova consolídase como parada peregrina das Ruta Xacobeas na comarca do Salnés. A vila inaugurou hoxe o seu terceiro albergue privado e o cuarto no concello. A Mancomunidade está a facer unha forte aposta por esta ruta de cara ó Xacobeo 2021.

As rutas Xacobeas da comarca do Salnés vanse consolidando dentro do Camiño de Santiago. A gran afluencia de peregrinos fai que se demanden máis albergues. O concello de Vilanova inaugurou hoxe o seu terceiro albergue privado, o cuarto da vila.

Con vista ó Xacobeo 2021, a Mancomunidade do Salnés está apostando por promocionar a Ruta do Mar e convertela nunha das máis demandadas. O primeiro paso vai ser poñela en coñecemento nas máis de 500 asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que hai por todo o mundo. Nas próximas datas os representantes da Mancomunidade reuniranse co Director do Xacobeo e o Conselleiro de Turismo da Xunta de Galicia.

O novo albergue conta con 10 prazas. Aínda que a inauguración foi hoxe o aloxamento abriu as súas portas o pasado 3 de marzo e xa contou cos primeiros peregrinos.

Segundo o goberno local o turismo aumentou un 40 por cento en Vilanova no último ano, o que fará que, nos próximos meses, abran as portas máis albergues.