Os nenos preparan doces cos maiores de Vilagarcía

VILAGARCÍA > Nos ollos dos maiores e tamén nos dos pequenos nótase a ilusión por compartir unha mañá na que uns aprenden de outros. Os pequenos que durante este nadal están a participar no campamento urbano de Vilagarcía encargáronse de leva-los ingredientes ata a residencia Divina Pastora. E coa sabedoría e bo facer dos anciáns elaboraron larpeiradas moi propias destas datas. Nesta actividade interxeracional, os nenos e nenas aprenden a ser solidarios. A cambio, os maiores agasállanlle aloumiños e palabras bonitas. Cóntannos os pequenos que a súa visita supón para os anciáns un auténtico revulsivo. De feito, despois de pasar unha mañá xuntos, os maiores séntense moi felices. E os propios maiores confirman o que din os rapaces. Para eles, poder estar cos nenos é un dos mellores agasallos deste Nadal. Este é o segundo ano que os rapaces do campamento urbano organizan esta visita ós maiores da Divina Pastora e, polo resultado, deseguro que non ha se-lo último.