A Plataforma da PO-531 suspende a manifestación do día 9

    plataformapo501_100_040208.jpgPONTEVEDRA > Non haberá manifestación o sábado contra a reforma da PO-531. Os afectados reuníronse onte e acordaron esperar …

    … a que se cumpran os compromisos de tódalas partes para modificar o proxecto.

    A plataforma de afectados pola ampliación da estrada PO-531, entre Curro e Pontevedra, decidiu en asemblea suspender a mobilización que tiña prevista para o vindeiro sábado, e para a que xa tiña autorización da Subdelegación do Goberno de Pontevedra. Uns douscentos veciños de Campañó, Alba e Curro aceptaron o compromiso da delegada provincial de Política Territorial, María Isabel Domínguez.

    Nas reunións da pasada semana cos colectivos veciñais comprometeuse a visitar as zonas afectadas e a estudar a modificación do actual proxecto cuns novos trazos. Tamén lles dixo que falaría co director xeral de Estradas da Xunta. Pero ademais, a plataforma está á espera de que o Concello de Pontevedra se posicione sobre este asunto, como xa o fixo o de Barro. O colectivo pretende agora facer unha campaña informativa para lograr o apoio da cidadanía pontevedresa.

    Redacción Salnés