RIBEIRA > O portavoz nacional do BNG, Anxo Quintana, achegouse a Ribeira para apoiar a Dominga Brión no mitin central desta formación política.
Durante o acto que se desenvolveu no pavillón da Fieiteira, e ó que asistiu numeroso público, o líder dos nacionalistas aludíu á necesidade dun cambio de goberno no municipio. Un cambio que segundo el debe vir da man de Dominga Brión Sanmiguel.
Anxo Quintana aproveitou a súa presenza en Ribeira para critica-la xestión levada a cabo polo goberno popular de Xosé Luís Torres Colomer nos seus 20 anos na alcaldía. Segundo el os concellos con gobernos populares caracterízanse pola súa negativa a colaborar co actual goberno da Xunta, realizando unha estratexia de boicot, como a realizada contra a Rede de Galescolas ou de Servizos Sociais.
Durante a súa intervención e ante un nutrido público volcado cos ideais nacionalistas, a candidata do BNG á alcaldía ribeiresa, Dominga Brión Sanmiguel, fixo alusión á necesidade dun cambio de goberno, botando por terra a xestión levada a cabo polo PP nestes 20 anos de goberno. Segundo ela o BNG quere un goberno para Ribeira que se preocupe polos problemas dos veciños e lle dea solucións.
No acto Dominga Brión referiuse tamén a algunha das principais actuacións que levará a cabo se a formación frentista partir do vindeiro día 27 acada a alcaldía de Ribeira como son a construción dunha estación de autobuses e un novo mercado, a tan ansiada circunvalación ou a creación de máis vivenda protexida, unha verdadeira necesidade no municipio.
Ánxela Bugallo na Pobra
O Cine Elma foi o local escollido pola candidata á alcaldía da Pobra, Rosana Pérez, para explicar ante un gran número de seguidores os puntos esenciais do seu programa electoral. Ó acto acudiu tamén a Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, que se mostrou máis que satisfeita coas propostas promovidas polos seus compañeiros de partido.
A capacidade de innovación e de resolver problemas foron dous dos adxectivos máis salientables cos que a Conselleira de Cultura describiu a candidatura de Rosana Pérez para a alcaldía da Pobra. Ánxela Bugallo deu especial importancia ás características diferenciais dos membros do BNG como políticos, xa que segundo indicou, non buscan un interese persoal, senón que a súa pretensión é a de acadar o mellor para o concello e os seus veciños. A responsable de cultura da Xunta mostrouse moi satisfeita coa actual lista de candidatos, e, en especial, coa muller que está á súa cabeza, Rosana Pérez.
Tralas palabras da conselleira, Rosana Pérez explicou diversas iniciativas previstas para o concello pobrés, entre as que se atopan a creación dun auditorio a nivel comarcal e a consolidación dunha cultura diferente á que actualmente está levando a cabo o goberno da Pobra.
A alcaldable pobresa indicou que a súa intención é a de fomentar as relacións existentes entre o concello e a Xunta de Galicia de xeito que se acaden infraestruturas como un centro de día para maiores ou unha galescola para nenos de entre cero e tres anos. Rosana Pérez destacou tamén a súa idea de facer que o A Pobra medre, tanto no eido industrial como no urbanístico, e indicou a súa intención de recuperar os camiños pesqueiros e os areais do municipio. A candidata do BNG afirmou que estas eleccións poden significar o fin dun ciclo.
Redacción Barbanza