O PP boirés apoia de forma unánime a expulsión de Jesús Saavedra

comitelocalppboiro_100_150507.jpgBOIRO > O comité executivo do PP reuniuse de xeito extraordinario e urxente para analiza-los feitos acontecidos na última sesión plenaria … 

… durante a cal un edil desta formación política, Jesús Saavedra, apoiou ó goberno bipartito no seu convenio con Erosmer Ibérica polo Pazo de Goiáns, pemitíndolle deste xeito que pudiera saír adiante.

Na xuntanza decidiuse por unanimidade abrirlle un expediente disciplinario ó concelleiro díscolo coa petición expresa da súa expulsión definitiva e irrevocable.

Para o voceiro do PP boirés, Xoán Xosé Dieste, Jesús Saavedra actuou de xeito desleal co partido, cometendo faltas graves que segundo el están consideradas nos estatutos do propio partido e amparadas no artigo oito referidas ó réxime disciplinario como desobediencia ás instrucións que emanan dos órganos de goberno ou actuar no exercicio dos cargos públicos de forma contraria ós principios e programas do partido.

Na reunión, o comité executivo dos populares boireses decidiu por unanimidade manifestarse favorable á proposta de apertura dun expediente disciplinario a Jesús Saavedra coa petición da súa expulsión definitiva e irrevocable do partido.

Decepción

Durante a xuntanza tódolos integrantes do comité executivo do PP boirés amosáronse decepcionados polas declaracións realizadas polo edil a distintos medios de comunicación, entre eles TVSB, acusando ós demais compañeiros de tránsfugas.

Dende o Partido Popular sinálase a este respecto a que o grupo municipal se mantivo sempre firme en todo momento na súa postura inicial sobre o convenio asinado no seu día polo Partido Popular e votado tamén polo xa ex concelleiro Jesús Saavedra.

Por outra banda os membros do PP boirés manifestaron tamén a súa satisfacción polas declaracións realizadas polo ministro Joan Clos esta pasada fin de semana durante a súa visita a Boiro nas que se pronunciaba a favor da posibilidade de converte-lo Pazo de Goiáns nun Parador como referente turístico da zona, coincidindo así coa postura amosada no convenio que o Partido Popular asinara no seu día.

Redacción Barbanza