Entregan máis de 700 sinaturas para esixir melloras no servizo de cirurxía do Barbanza

RIBEIRA> A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza entregou máis de 700 sinaturas para demandar que se cubran as prazas do servizo de cirurxía no hospital do Barbanza. Actualmente, o centro conta só cun cirurxán fixo e o resto desprázanse diariamente do Clínico de Santiago.

A finais do mes de novembro, a plataforma en Defensa da Sanidade Pública iniciaba unha campaña de recollida de sinaturas para esixir melloras no servizo de cirurxía do hospital do Barbanza. Daquela o centro contaba só cun profesional fixo a pesar de que eran catro as prazas orzamentadas.

O certo é que nestes meses nos que chegaron a recabar máis de 700 sinaturas xa conseguiron algunha mellora. Se ben as prazas non foron cuberta de forma estable, o SERGAS garante a presenza de alomenos tres cirurxáns a diario a través do desprazamento de profesionais do Clínico de Santiago.

Aínda que supuxo unha mellora no servizo a plataforma considera que é insuficiente posto que a temporalidade dos profesionais fai que as operacións máis complexas se sigan derivando a Santiago. Agardan que as sinaturas entregadas hoxe teñan efecto a curto medio prazo. De non ser así non descartan iniciar novas medidas de presión para contar cun servizo público de calidade no hospital comarcal.