Velo denuncia a utilización irregular de edificios públicos con fins electorais

    denunciamanuelvelo_100_180507.jpgBOIRO > Manuel Velo emprenderá accións xudiciais contra o goberno municipal por ‘supostas irregularidades’ na aprobación do convenio con Eroski.

    Manuel Velo compareceu ante os medios de comunicación para explicar a actitude de varios militantes do grupo independente que organizaron un acto electoral nas inmediacións do Pazo de Goiáns, onde se estaba a celebrar o acto de sinatura do convenio urbanístico con Eroski para a cesión da finca.

    O voceiro de IC Boiro explicou que a súa intención non era boicotear este acto público, a pesar de que as súas consignas chegaron a interromper os discursos dos asistentes, posto  que soamente estaban a exercer o seu dereito a facer campaña.

    Pola contra, Manuel Velo insiste en que foi o goberno o que cometeu irregularidades utilizando o Pazo de Goiáns para a celebración dun acto público, cando aínda non foi cedido ó concello.

    Neste sentido, o independente denuncia que o BNG está a utilizar para os seus mitins edificios públicos que non foron cedidos á Xunta electoral como é o centro social de Boiro.

    Por este motivo, e pola comisión de supostas irregularidades na aprobación do convenio urbanístico con Eroski, na que segundo denuncia quedaron pendentes as alegacións presentadas ó acordo inicial, Manuel Velo pensa emprender accións xudicias contra o alcalde.

    As críticas de Manuel Velo non soamente se dirixen ó cabeza do goberno senón tamén ó tenente de alcalde, Xoán Xesús Ares, ó que califica de ‘comparsa na mala xestión levada a cabo polo executivo municipal’. O PP tampouco se libra dos envites de Velo, que acusa a ‘certos afiliados da formación popular’ de estar detrás dun convenio que califica de ‘operación especulativa’.

    Redacción Barbanza