Cores Tourís promete un edificio para o centro de día e Esperanza Salnés

    proxectoppcambados100_220507.jpgCAMBADOS > De seguir no goberno, o PP destinará unha parcela municipal en San Tomé para un Centro de Día.

    O PP presentou hoxe o anteproxecto para construír un centro de servizos sociais nunha parcela municipal de mil metros cadrados en San Tomé, a carón do paseo marítimo. Este inmoble disporía no soto de garaxe, comedor e lavandería. O baixo acollería o centro de día, con capacidade para 70 maiores e as aulas de Esperanza Salnés. E na primeira planta irían os despachos para Esperanza e para as asociacións sen ánimo de lucro como Cáritas ou Asociación Española Contra o Cancro, ademais dunha terraza e un salón de reunións.

    Un proxecto, que de seguir no goberno, están dispostos a levar adiante, con ou sen o apoio económico de Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. O PP defende a parcela de San Tomé como a idónea e afirma que é un proxecto real. Os populares critican a opción do PSOE de facer o centro de día na Casa dos Fraga, algo, que segundo os populares, non o permite a Xunta. Para a Casa dos Fraga, o PP ten outros plans. Lembraron que alí se está a facer unha biblioteca e para a vindeira lexislatura prometen instalar unha ludoteca.

    Redacción Salnés