Fraga expresa en Boiro o máximo apoio á candidatura liderada por Dieste

    comidapp_100_220507.jpgBOIRO > Centos de persoas asistiron a un xantar-mitin organizado polo PP en Boiro. Como convidado especial asistiu o fundador do partido, Manuel Fraga.

    O restaurante Chicolino de Boiro acolleu unha comida organizada polo Partido Popular, na que Xoán Xosé Dieste e os membros da súa candidatura, compartiron mesa co ex-presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga.

    Durante a súa intervención, o fundador do partido, expresou a súa confianza na candidatura dos populares boireses integrada, segundo dixo, por ‘xente nova e moi preparada e con representación de tódalas parroquias e de tódolos sectores profesionais’.

    Fraga Iribarne animou ós boireses a acudir á sua cita coas urnas o vindeiro domingo como ‘un deber moral’ aludindo ó voto obrigatorio instaurado na Lei Electoral de 1907 por Antonio Maura.

    Necesidade de cambio

    Así mesmo, Fraga amosouse moi crítico coa xestión do bipartito na Xunta de Galicia e insistiu na necesidade de que Galicia estea gobernada por un partido á medida da súa realidade, como é o Partido Popular.

    Tamén o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, aludiu a esa necesidade, sinalando a división que xeran os pactos de goberno, tanto a nivel autonómico como municipal.

    Pola súa banda, o candidato popular á alcaldía de Boiro, Xoán Xosé Dieste, enumerou os logros acadados polo PP nos anos en que ostentou a alcaldía do concello e o goberno da Xunta de Galicia, cando, segundo dixo, ‘Boiro experimentou o máximo progreso da súa historia’.

    Pola contra, tivo palabras de dura crítica hacia a xestión do tripartito nestes últimos catro anos nos que, segundo o candidato popular, se despilfarraron os cartos públicos sen crear obras e servizos para os cidadáns.

    Redacción Barbanza