A Xunta adxudica a redacción do proxecto da variante de Ribeira

RIBEIRA> Os traballos, que serán realizados pola UTE formada polas empresas Tecyp Ingeniería e S.L-Esteyco SAP, suporán un investimento de preto dos douscentos mil euros.

Con este anuncio, o executivo ribeirense dá  un novo paso cara a consecución da tan ansiada circunvalación. Un proxecto que leva perseguindo xa anos e que agora comeza a visualizarse, unha vez que a consellería de Infraestruturas vén de dar o ok á adxudicación da redacción do proxecto por un importe duns 194 mil euros.

O documento que será elaborado pola UTE formada polas empresas Tecyp Ingeniería e S.L-Esteyco SAP permitirá fixar as ocupacións e permitirá reservar os terreos necesarios para a súa execución.

Ademais da redacción do proxecto de trazado, analizarase tamén o posible impacto ambiental das obras e o proxecto construtivo correspondente á primeira fase da actuación, o que permitirá adiantar prazos para a materialización das obras.

Aínda que a vixencia do contrato para a realización destes traballos é de 20 meses, a Xunta ten coma obxectivo de que poida estar concluído a mediados de 2019.

A finalidade deste futuro vial, que terá uns tres quilómetros de lonxitude e partirá da rotonda da autovía, non é outra que tratar de liberar de tráficos o centro da vila, facilitando ademais o acceso á zona sur.

Nunha primeira fase executaríase o treito que discorre bordeando todo o núcleo urbano, ata a avenida da Constitución e, na segunda, de continuación ata o porto.

A actuación, unha vez rematada, suporá un investimento estimado de 9,3 millóns de euros.