Touriño visita o Barbanza para apoiar as candidaturas de Domínguez e Ares

    tourioenribeira_100_230507.jpgBARBANZA > O secretario xeral do PSdeG, Emilio Pérez Touriño, visitou a comarca para apoiar as candidaturas do PSOE en diversos concellos.

    A primeira parada tivo lugar en Ribeira, onde o presidente da Xunta foi recibido por numerosos simpatizantes encabezados polo candidato á alcaldía, Xosé Vicente Domínguez.

    O presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, mostrouse amable e moi próxima na súa visita a Ribeira. Durante o seu percorrido polas principais rúas da localidade, o secretario xeral do PsdeG, tivo ocasión de conversar cos veciños que se achegaban a saudalo e mesmo cos propietarios de varios establecementos comerciais nos que quixo entrar para interesarse polo sector.

    Tamén puido comprobar in situ o mal estado en que se atopa o mercado municipal de Ribeira. Alí, escoitou as demandas das praceiras, que xa no seu día lle trasladara o candidato, Xosé Vicente Domínguez, e comprometeu o total apoio da administración autonómica para dotar de instalacións dignas a estes profesionais.

    Ademais desta necesidade, o presidente da Xunta enumerou unha serie de actuacións que se están a levar a cabo no concello co fin de convertelo novamente no motor dinamizador da comarca. Entre elas, a construción da autovía do Barbanza, para mellora-las condicións económicas e de seguridade en toda a bisbarra conectándoa cos centros neurálxicos do país, a reordenación do espazo portuario e a modernización das súas instalacións con máis de 40 millóns de euros ou a creación do polígono industrial dun millón de metros cadrados entre Pobra e Ribeira. Todas elas, actuacións encamiñadas a dinamizar un concello que, segundo dixo, atópase en fase de retroceso.

    Redución das taxas

    tourioenboiro_200_230507.jpgCon respecto a ordenación do porto, Touriño referiuse ademais á polémica xerada en relación co cobro das taxas ós hostaleiros pola colocación das terrazas, reiterando o compromiso asumido no seu día polo presidente de Portos para modifica-las contías.

    Emilio Pérez Touriño tamén sinalou ás actuacións previstas en materia de medio ambiente como a xeración dun novo sistema de depuración ou a consecución do saneamento integral do concello cun investimento superior ós 23 millóns de euros. O presidente lembrou tamén a aposta feita dende a Xunta de Galicia pola conservación do territorio con actuacións como a posta en marcha da Lei do Litoral ou a recuperación de espazos como o parque natural de Corrubedo.

    Tamén a Sanidade constitúe unha preocupación fundamental para os socialistas que proximamente porán en servizo o novo centro de saúde mental e drogodependencias.

    Pérez Touriño aposta por Xosé Vicente Domiínguez para liderar o cambio en Ribeira, na busca dun concello renovado. Para elo, animou ós cidadáns, especialmente á mocidade, para mirar cara diante e apoirar ó Partido Socialista o vindeiro día 27 de maio.

    Ampliación do porto

    Posteriormente, Emilio Pérez Touriño desprazouse ata o porto de Cabo de Cruz, onde foi recibido polo candidato socialista á alcaldía de Boiro, Xoán Xesús Ares. Alí, o presidente da Xunta escoitou as peticións dos veciños e de varios profesionais do sector pesqueiro que reiteraron a necesidade de acometer canto antes a ampliación do porto.

    O secretario xeral do PsdeG reiterou o compromiso asumido polo candidato boirés, Xoán Xesús Ares, de inicia-las obras de amplicación da dársena portuaria e construción do porto deportivo neste mesmo ano. Segundo expuxeron os responsables socialistas, o proxecto xa está rematado e conta cos informes necesarios para a súa execución e na actualidade, só resta que se faga efectiva a cesión dunha lámina de auga de Costas do Estado a Portos de Galicia.

    Ademais desta gran actuación que, segundo dixo Toruiño, contribbuirá á mellora e cualificación dos recursos da ría, a Xunta de Galicia ten comprometida unha partida de 660 mil euros para o sistema de depuración terciaria en Cabo de Cruz e están previstas outras actuacións en materia de saneamento.

    Ademais do anuncio destes investimentos, Emilio Pérez Touriño tivo palabras de eloxio para o candidato socialista á alcaldía de Boiro, Xoán Xesús Ares, ó que puxo como exemplo de ‘home socialista, comprometido co seu pobo e cargado de proxectos para o municipio’. Pola súa banda, Ares González agradeceu a visita do presidente da Xunta para apoia-la súa candidatura e escoita-las demandas veciñais.

    Redacción Barbanza