ETA volve a matar e irrompe na campaña electoral

    mondragon_100.jpgPONTEVEDRA > ETA irrompeu esta mañá na campaña electoral, cando apiques faltan dous días para a celebración dos comicios, co asasinato do ex edil do Partido

    …Socialista en Mondragón, Euskadi, Isaías Carrasco. Foi tiroteado cando se dirixía a traballar no seu coche en presenza da súa muller e dunha filla. Recibiu cinco impactos de bala, un na cabeza, dous no pescozo, e outros dous no abdome e nun brazo. Non levaba escolta dende que decidira retirarse da política. Tiña 42 anos e estaba casado con tres fillos. Segundo fontes da policía autónoma vasca dous homes cometeron o crime. Un deles foi o que asestou os disparos, mentres outro o esperaba no coche no que escaparon, segundo contou unha veciña.

    O Presidente do Goberno recibiu a noticia da man de Manuel Chaves, cando estaba a dar un mitin en Málaga. Tódolos actos cos que se pechaba hoxe a campaña electoral tanto do PSOE e PP foron suspendidos trala xuntanza mantida entre os líderes de ámbolos dous partidos esta tarde. A eles uníronselle a maioría das forzas política españolas.

    José Luis Rodríguez Zapatero compareceu na Moncloa onde pediu a unidade de tódolos partidos e forzas socias para terminar con ETA. O Presidente do Goberno tamén asegurou que os que participaron neste atentado terminarán sendo detidos, e que ETA xa está vencida pola democracia.Maria Rajoy tamén amosou a súa solidariedade coa familia da vítima e asegurou que ETA será derrotada. Mensaxe tamén moi dura contra o grupo terrorista, foi a dada polo Lehendakari do País Vasco, Juan José Ibarretxe, quen dixo que ETA sobra de Euskadi.

    Dende o comezo da campaña electoral, o goberno había activado o nivel de máxima alerta ante posibles ataques terroristas. Esta é a segunda vez que uns comicios electorais en España se ven sobresaltados por un atentado terrorista, tralo 11-M a mans de Alcaeda.

    Redacción Salnés