Europa propón unha notable suba da cota do xurelo no Cantábrico Noroeste

    BARBANZA> A Comisión Europea propón un importante incremento para as posibilidades de pesca do xurelo. O TAC desta especie aumenta nun vinte e sete por cento na Oitava C e en máis dun quince por cento na novena A. Os totais admisibles de capturas en augas comunitarias para o próximo ano contemplan importantes subas nalgunhas especies claves para a flota galega. Na zona VIII C disporase de dezasete mil duascentas cincuenta toneladas desta especie o que supón un incremento dun 27 por cento con respecto á actual campaña. A IX A, dende Fisterra cara o sur, tamén incrementa a súa cota aínda que en menor medida. O TAC pasa de cincuenta e nove mil cincocentas toneladas ás sesenta e cinco mil cincocentas oitenta e tres que se poderán capturar o próximo ano. Unha dos segmentos de flota especialmente beneficiados por esta suba é o cerco. Sen embargo, os representantes do sector en Galicia non cren que o incremento dos TAC repercuta de igual maneira en toda a flota posto que outras comunidades sairán máis beneficiadas. Seguen demandando a modificación dos criterios do reparto entre comunidades. Fronte á suba do xurelo, outras especies como o rape ou o gallo experimentan un acusado descenso. A cota do bocarte mantense sen variacións con respecto a esta campaña.