O cambio climático centra a VI Semana da Ciencia do IES Número 1

    semanadeciencia_100_290507.jpgRIBEIRA > O director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente inaugurou a VI Semana da Ciencia no Instituto Número 1.

    Nesta sexta edición, a Semana da Ciencia organizada polo IES Núemro 1 de Ribeira ten unha especial compoñente de sensibilización sobre o cambio climático. De aí, que o acto encargado de abrir estas xornadas fora precisamente unha charla titulada ‘O cambio climático; un reto para Galicia e un reto para a humanidade’ impartida polo director xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, Emilio Fernández, e o director do proxecto ‘Climántica’, Francisco Sóñora.

    O responsable autonómico quixo felicitar, tanto ó equipo directivo como ó alumnado do centro, polo traballo de divulgación que están a realizar sobre os riscos do cambio climático.

    Tamén o alcalde ribeirés, Xosé Luís Torres Colomer, quixo estar presente na apertura destas xornadas, onde puido comprobar o interese e a preocupación dos mozos pola conservación da natureza.

    O rexedor local reiterou o compromiso do seu goberno coas políticas medioambientais con proxectos como a protección e a repoboación forestal dos montes, a consecución do saneamento integral do concello ou a potenciación de vehículos non contaminantes. Neste sentido, lembrou que a conservaicón do entorno debe se run deber de tódalas administracións e apelou á necesida de concienciar ós países máis fortes industrialmente para reduci-la emisón de gases á atmósfera.

    Recinto experimental

    semanadaciencia_200_290507.jpgAdemais da organización de ponencias, a proxección de documentais e a realización de obradoiros, a Semana da Ciencia consta cun amplo recinto de casetas experimentais nas que os propios alumnos levan a cabo probas do máis curioso.

    O ximnasio do IES Número 1 de Ribeira convértese estes días nun xigantesco laboratorio onde estes pequenos científicos liberan a súa imaxinación. Sempre guiados polo profesorado do centro, os alumnos levan a cabo unha serie de demostracións empíricas que exemplifican os efectos do cambio climático na terra.

    Nas distintas casetas pódese ver case de todo, dende a creación de  fenómenos atmosféricos, os efectos da chuvia áceda nas prantas ata a a aplicación da química na cociña ou un contador demográfico en tempo real.

    O recinto experimental permanecerá  aberto ata o vindeiro xoves día 31 en horario ininterrompido, aínda que as xornadas de portas abertas para os visitantes que desexen acudir desenvolveranse o martes e o mércores pola tarde. Paralelamente á actividade nas casetas, organizaranse exposicións de botánica, tecnoloxía, microscopia  celular ou animais en plastilina entre outras e desenvolveranse obradoiros de xadrez, papiroflexia e construción de planisferios. Tamén se poderá asistir a presentacións multimedia como ‘Cambio climático’, ‘Xeodesia’ ou ‘Arde Galicia’.

    Aqueles que decidan visitar este salón da ciencia poderán desfrutar dun amplo abano de propostas do máis variado; iso si, todas elas encamiñadas a concienciar á sociedade da necesidade de protexer e conserva-lo entorno natural como garantía de futuro para a vida do noso planeta.

    Redacción Barbanza

     

     

    Redacción Barbanza