Preparan unha camiñada protesta en Rianxo

    RIANXO> Os pais dos alumnos afectados pola supresión por parte da Xunta do autobús escolar que cubría a liña da Vacariza ata o IES Félix Muriel de Rianxo teñen convocada unha mobilización para este próximo sábado. Trátase dunha marcha a pé que partirá ás dez da mañá dende a Vacariza, simulando o percorrido do autocar ata a praza Castelao, onde darán lectura a un manifesto. Con esta iniciativa, á que fan un chamamento á participación, pretenden protestar polos recortes en Educación que están a facer dende a Xunta de Galicia. Os pais ademais continúan recabando apoios na súa loita. Ó acordo unánime da corporación municipal, que aprobou no último pleno unha moción solicitando a restitución da liña, hai que sumarlle tamén o respaldo da Asamblea en Defensa do Ensino Público da Barbanza, que xa anunciou tamén a súa intención de participar nesta marcha.