OUTES> O tanatorio de Outes leva pechado dende principios de mes, despois de que unha sentenza xudicial anulara a licenza desta instalación. Dende o concello traballan xa para atopar unha solución que pasaría pola modificación puntual do PXOM para a reclasificación dos terreos en que se atopa.
A licenza para a construción do tanatorio foi concedida en 2011, pouco despois da aprobación do PXOM que catalogaba este chan como urbano.
Durante o proceso de construción desta instalación, un veciño presentou un recurso ante a Xunta de Galicia solicitando o cambio de uso urbano a residencial e como consecuencia a anulación da licenza municipal.
Agora que a sentenza do contencioso é firme, dende o concello traballarán para conseguir a legalización do tanatorio a través da modificación puntual do PXOM.
Dende o BNG entenden que existe responsabilidade do goberno municipal. Ademais dos prexuízos que este peche está a ocasionar ós veciños lamentan os custos económicos en que derivará posto que será preciso indemnizar á empresa.
Lamentan ademais dende o BNG os inconvenientes que está a xerar o peche deste servizo posto que o tanatorio máis próximo está en Noia.
Irresponsabilidade que desmenten de forma taxante dende o goberno local lembrando que a aprobación do proxecto e concesión da licenza realizouse con total transparencia e dentro da legalidade, por unanimidade, no marco dunha comisión na que participaron tódolos grupos da corporación.