Estimados 13 recursos contra a parcelaria de San Salvador

    parcelariasansalvadormeis100_310507.jpgMEIS > O delegado de Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, informou esta mañá á xunta local da parcelaria de San Salvador

    … de Meis sobre os recursos contra o acordo desta concentración. Dos 54 presentados só se estimaron 13 e outros 5 en parte, que serán remitidos á Dirección Xeral de Medio Rural.

    A Xunta só estimou 13 dos 54 recursos presentados á Concentración Parcelaria de San Salvador de Meis. O delegado provincial de Medio Rural en Pontevedra, Gonzalo Constenla, presidiu esta mañá a xunta local desta zona para informar sobre os recursos contra o acordo desta concentración. Ó non superar o seis por cento dos propietarios o proceso non se verá interrompido por estes recursos. De feito, xa o ano pasado se fixo o reparto e a toma de posesión provisional das parcelas.

    Esta concentración afecta a 580 hectáreas e a 987 propietarios. Coa agrupación de fincas pasouse de 8.219 a 2.054, tal como lembra Medio Rural. Desde o ano pasado estase a executar o acondicionamento das parcelas, con previsión de rematar en 2008. Arestora as obras están paradas á espera dun permiso da Dirección Xeral de Patrimonio pola protección de diversos elementos arqueolóxicos e arquitectónicos. Desde o comezo do proceso A Xunta leva investido en servizos técnicos 400 mil euros, e na construcción de camiños e acondicionamento de parcelas preto de 2 millóns de euros.

    Xunto coa de Paradela, a de San Salvador é a concentración parcelaria máis avanzada do concello de Meis. As de Nogueira e Armenteira aínda están na fase de bases, segundo indicou Medio Rural.

    Redacción Salnés