VILAGARCÍA> O salón de Plenos de Vilagarcía acolleu un acto no que a música foi unha das grandes protagonistas e onde se amosou o rexeitamento unánime da cidade á violencia machista. Tamén se deu lectura a un manifesto ‘contra o negacionismo’ e en defensa da igualdade. Ademais, coincidindo cos 50 anos da fin do franquismo, a voceira do goberno local pediu á cidadanía que reflexione sobre a gran conquista de dereitos para as mulleres en Democracia fronte os tempos escuros da ditadura.
A música interpretada por artistas de Vilagarcía encheu o salón de plenos do Concello neste 25 de novembro. Foi no acto para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller no que dúas membros do Consello Local da Muller deron lectura ao manifesto.
O manifesto foi elaborado polo Consello Local da Muller e aprobado en pleno por unanimidade. O negacionismo contra as violencias machistas ocupou parte dese texto, unha problemática á que tamén fixo referencia a concelleira de igualdade e voceira do goberno local.
Ademais, coincidindo co 50 aniversario da fin da ditadura, Tania García tamén quixo convidar a reflexionar sobre o segundo plano ao que estaba relegada a muller durante o franquismo.
Ademais do acto institucional esta mañá no concello, á tarde en Vilagarcía tivo lugar unha manifestación contra as violencias machistas, convocada polo colectivo feminista O Soño de Lilith.











