24 detidos en dúas operacións relacionadas co fillastro de Laureano Oubiña

    CAMBADOS > Durante todo o día declararon no Xulgado de Cambados os detidos na operación Roble. Son en total 13 persoas relacionadas co entorno de David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña e entre eles está a padronesa Coralia Pardal e a avogada Tania Varela de Cambados.

    mansiolago_300_070607.jpgO desembarco de cocaína en Corme que permitiu deter a David Pérez Lago destapou toda a trama de empresas coas que traballaba o fillastro de Laureano Oubiña. David Pérez usaba esta mansión da Laxe (fotografía), en Vilagarcía, como centro de operacións. A casa, que estaba a nome do pai de Esther Lago, Ramón Lago, tamén foi intervida nesta operación que levan a cabo os GRECO e a UDYCO e que está relacionada con outra levada a cabo en Madrid pola policía nacional e denominada Destello.

    Nesta detívose a 14 persoas de nacionalidade colombiana. A operación está dirixida polo Xulgado número 2 de Cambados, onde declararon Mari Carmen Daponte, Marcos Cacabelos e Coralia Pardal, esta última unha veciña de Padrón con nacionalidade colombiana que xa fora detida hai meses en relación a este concesionario de luxo que tiña en Santiago e que formaba parte do entramado do fillastro de Oubiña. Coralia chegou esposada e quedou en liberdade con cargos, como os outros dous detidos.

    Entre outros declararon ademais Tania Varela, a avogada cambadesa que no seu día dirixiu o Centro de Información á Muller do municipio e que tamén pasou hai meses xa por estes xulgados, como podemos ver nas imaxes. Tania está acusada de constituí-las empresas sen apenas actividade e con sé en paraísos fiscais que usaría David Pérez para blanquear os cartos procedentes do narcotráfico.

    Precisamente o fillo de Ester Lago pasará mañá polos xulgados para prestar declaración. Actualmente está en prisión cumprindo unha pena de 6 anos e 9 meses pola súa relación co alixo do Regina Maris no que se incautaron 12 toneladas de haxix.

    Redacción Salnés